lunes, 24 de junio de 2019

MINGUANDO (Ángeles Madriñán)

Detrás da porta hai un vello colgadoiro de madeira comesto pola couza onde ficou abandonada a axada bata de veludo que uniforma os seus días de rutina doméstica. Ao pé, as luidas zapatillas dun azul eléctrico que mercou nos chinos. Rigorosamente colocadas, tanto que poderían botar a andar sen demora.
A casa impecablemente limpa e na cociña unha cazola cun guiso de carne. Para o xantar. Delicioso. O preferido de Luis. Meditouno moito, mentres remexía a modiño a cebola, e o pemento para o sofrito. Unha última vez. Un non se vai cando quere, senón cando pode. Decidir é un dos verbos máis difíciles de conxugar para unha muller coma ela. Covarde. Alomenos así é como se sente. O seu é aceptar, conformar, adiar. Ir tirando, que sempre hai quen está peor .Ao fin a ela non lle falta de nada. Non madruga. Non traballou nunca. Sempre ten un euro no peto para mercar algunha chilindrada, porque é golosa coma un raparigo. Se se lle antolla algunha peza de roupa, pois vai ó mercado e remexe na procura de algo barato e chusco, que ben sabe que o carto non dá para luxos. Se quere peitearse na perruquería de cando en vez. El non roña. Saír non sae moito. Eso si. Amigas poucas lle quedan. A él non lle caen ben. Todo non se pode ter. A ver se lle pide moito á vida? Se cadra tamén é culpa dela que non soubo escoller. Ou non merece mellor cousa. Estudar non era o seu. O xustiño. Os estudos básicos. Para onde vas con eso?. Limpar ou servir. Tamén soñar. Soñar non hai quen llo quite. Poida que teña moitos paxaros na cabeza. Dubida. Non pasa frío, nen fame, nen ningunha necesidade. Pois nin tan mal. Se o ano pasado ata foron veranerar a San Vicente para celebrar o aniversario. Vintecinco anos xuntos. Mágoa que alí se desvivira mirando para as mozas. Para todas menos para ela.
- Non te enfades chuliña e que novas xeracións veñen cuns acabados que mete medo. Eu non te cambio por ningunha ! - E bícaa riseiro, restándolle importancia á chanza. - Non cambia non -. Eso xa o sabe ela. Vive coma un rei. Tenlle tomada a medida. El fai. Ata e desata. Vive. Anda con outras. Pero pouco.
- Aventuras para que o noso aguante. Auga que non move muiño-. Despois sempre volve agarimoso. E ela présa da mesma chantaxe. Perdoa. Ou pensa que vale máis que as outras porque con ela casou. Non hai mellor que o autoengano. Aboiar nunha poza de xurro. Pero a pacencia xa non é o que era, porque todo o peneira o tempo. Sentada na mesa da cociña coa taza do almorzo diante de si, os cóbados enriba da mesa e as mans suxeitando da cara humedecida matina no seu. Escorréganlle as bágoas. Ergue os ollos cara a ventá. Lambe as feridas. A soas. Aquédase a cavilar coa mirada perdida no horizonte.
Dende fai un tempo a Luis non lle interesa nada do que ela di. Nada do que ela pensa. Nin do que fai. Case non lle ve o pelo. Ben, é un dicir porque pouco lle queda que xa lle rarea. Pero eso a él non llo di. Non oh!. Calar ven sendo a metade da felicidade nalgúns casos. Porén a vida xa non se conforma cos silencios.
A mesa pronta. Roupa limpa e disposta. Ninguén que lle afee os feitos. Entra e sae. Non esquece deixar cartos para o que faga falla. Tan malo non é. Non pregunta. Non se interroga a si mesma. Un mar calmo. – Quen te ha querer coma min, mulleriña !- Esa maldita frase quen nin reproche é. Como o que sabe pegar sen deixar marca. Quen te ha querer co pouquiña cousa que es!.
O certo é que Loli sempre foi coma un cero á esquerda:
-Ti cala que desto non sabes.- Pero coma voz morna, sen mancar.
- Ti vai o supermercado que das facturas xa me encargo eu.- Amable.
- Ti mira o Sálvame que o fontaneiro xa o vixio eu que senón fai unha canteira. Con esta xente nunca se sabe.- Servizal.
- Deixa, ti vaite deitando que xa vou eu a reunión da comunidade, que falta fai apretarlle as caravillas á do sexto que xa debe seis meses e para esas cousas mellor que sexa un home que impón outro respeto.- Decidido.
– Calade, que vai falar a entendida- no bar cos amigos. E a vergoña nas meixelas. Deixándose mancar. Consentindo a dor. E ela guiadiña. Deixando todo nas súas mans. Sen ver a trampa. Cada vez máis incapaz. Máis tutelada. Máis parva. E nin conta se daba. Coma o meniño que lle dan todo feito e non se preocupa por medrar. Como se deixou ir deste xeito?. Como? Non ten respostas. Busca a muller que un día foi. Non a atopa. Foi minguando ata quedar coma a lúa. Recortada. E agora a furgar no entendemento amoucada pola vida. Fráxil. Atoada. E a televisión prendida veña que dalle coa ladaiña do 8M. Feminismo. “ Doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller”.-. Centos de mulleres que berran consignas. Pegatinas nas lapelas. Pancartas. Fitas de cores. Todos os xornais en portada. -Feminismo- repite nun falar bisbado para si mesma. –Conxunto baleiro-. Conclúe con acedume.
Non deixa ningunha nota cando marcha. Nada salvo os andeis do cuarto de baño baleiros e as perchas aliñadas regularmente coma os chanzos dunha escaleira. O abandono non sempre é desorde e caixóns remexidos ás presas. Cadaquén ten a súa teima. Ela sente que a principal labor na vida foi amañar, colocar ,arranxar, limpar. Mirar polo benestar da casa. De Luis. E ela, quen é ela ? Que fai aquí ? Será a crise dos cincuenta. Será que é unha pusilánime. Será que se afixo a vivir nun recuncho. Que algún nacen para mandar e outros para ser mandados. Será o que sexa. Pero a tristura abáfaa. Non ten sitio. Non cabe. Mira que son centovinte metros e unha terraza soleada ! Pois non cabe. Non. Fáltalle o aire. Foxe. Non ve outra saída

5 comentarios:

  1. Doce maltrato. Anulación disfrazada. Todo esto se me ven a cabeza e empáñanseme os ollos ó ler este maravilloso relato que reflexa a realidade en moitos casos. Exprésalo a perfección Angeles. Encantoume a pesar da tristeza da temática.
    Javier de la Iglesia

    ResponderEliminar
  2. Grazas Javier, alédame ver que empregas a palabra MALTRATO, eu fuxín dela deliberadamente ao longo de todo o relato coa clara intención de deixar ao lector/a ese espazo de reflexión, e que sexa el/ela quen decida o que sente ó achegarse a esta historia cotiá e como conceptualizalo.

    ResponderEliminar
  3. Moi bo, Ángeles. Sutil, pero eficaz.

    ResponderEliminar
  4. El tema de los malos tratos está muy bien tratado, en esa forma en que no duele en la piel, sino en el corazón, disfrazados de anulación y de desprecio, llenos de silencios.
    Enhorabuena!

    ResponderEliminar