viernes, 19 de abril de 2019

O RETORNO DAS HORAS FERINTES(José Manuel Bouzas Blanco)

A chalana avanzaba paseniño mar a dentro, na procura dos raios espidos do sol que lucían refulxentes no horizonte. Canto máis vogaba, semellaba estar máis afastado. O infindo despregábase ante min, de xeito cegador, irremisiblemente engaiolante e fermoso. Entón, púidome o cansazo e detívenme; crucei os remos e limpei as mans, camuflándoas no peto.

O mar en calma golpeaba rítmica e harmoniosamente, aloumiñando o esqueleto da chalana. Esta comezou a xirar sobre o seu propio eixe. De súpeto, sentinme alterado. Tremín e perdín a consciencia, retendo tan só o agudo trino duns cormoráns que me facían compaña aferrados á proa. Fixei a miña vista na dos paxariños e botei unha ollada interior da que quedei prisioneiro.

Cando me decatei estaba máis afastado da beiramar, pero igualmente afastado dese punto radiante no horizonte. Derredor, todo estaba sumido nunha eterna e ameazante escuridade.

Dende entón, o meu maxín xira vertixinosamente, sen permitirme avanzar nin por elo retroceder.

-“Onde estás, meu amor?” Berrei desesperadamente, en tanto un estraño arrecendo me envolveu. Era unha fragrancia allea, pero nin moito menos descoñecida. Decateime que ao meu carón tiña a túa chambra de lá. Con ela enxuguei as miñas bágoas e lembrei, desesperadamente, que no fondo do mar xacía un corpo cómplice e, na superficie, un sentimento de culpabilidade que me illa e a miúdo me atormenta. Un pesadelo máis ancorado na miña existencia; un de tantos, tan diferente e mesmamente semellante a todos os demais que me fan sentir culpable alí onde me atopo.

Naquel intre soou o espertador. Estaba en terra firme e ben plantado. Achegueime á fiestra, descorrín as cortinas e vin, abraiado, escurecerse o firmamento, caer o sol e esmorecer a tarde

6 comentarios:

  1. Entre a realidade é o pesadelo medra este relato inquietante. Como chegou ese “corpo cómplice” o fondo do mar ? Desperta interés no lector. Gústame o mar que pintas coas palabras precisas.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Alegrome moito que che gustara o relato. Ese corpo cchega ao fondo do mar producto dos soños e da miña imaxinacion.
      Grazas por adicarlle un par de minutiños ao meu relato.

      Eliminar
  2. De acordo con Ángeles. Ten un punto inquietante que me encandila. Por un momento sentinme mecer nesa chalana. Moi bo
    Javier de la Iglesia

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Grazas. Un pracer formar parte cun dos meus relatos neste voso elenco.
      Unha aperta

      Eliminar