lunes, 25 de noviembre de 2019

PRONUNCIAR O MEDO (Ángeles Madriñán)

O vídeo leva apenas unha hora colgado na rede. Foi reproducido mil cincocentas veces. Ducias de likes pero tamén algún polgar cara abaixo. A muller mira á cámara inqueda, como se deixase translucir a súa intención de fuxir antes de que remate a mensaxe. De principio a modulación da súa voz e cauta, case medorenta. Dubida pero comeza a falar:

Hai moitas clases de medo. Tantas coma maneiras de experimentalo e maneiras de infundilo. Tantas coma mulleres que o contan. Tantas coma mulleres que o calan. Deseguido aperta os beizos nerviosa e de socate berra con toda a forza da súa caixa torácica: “dillo”, “dillo a quen maltrata” . Agora a voz soa segura, sostén o ollar fixo nun punto afastado e comeza a pronunciar o medo.

Hai medos derrotados que arrastan os pés e tropezan coa baldosas frías da cociña. (Esnafrar un cóbado. Romper un brazo ou mesmo unha perna.)

Hai medos domésticos afeitos ás rutinas.( Desprezos, humillacións.)

Hai medos salvaxes empreñados de borralla que sementan a podremia arredor de si. ( Insultos, empurrróns.)

Hai medos en código morse, feitos de tatexos e verbas entrecortadas de súplica.( Censura do pensamento e da expresión.)

A enumeración segue o seu curso coma unha torrenteira, arrastrando canto temor atopa o seu paso, colle pulo, esquece un antes e baléirase por ter a posibilidade dun despois.

Hai medos expectantes como de gatiño a papar leite, temeroso de que alguén lle quite a taza. (Pasar sen comer, sen cear.)

Hai medos infames, cirúrxicos, que estirpan o fío fino da esperanza. (Cortes en partes do corpo non visibles.)

Hai medos con ínfulas que se alimentan nas barras dos bares co alento dos indiferentes. (Falta de apoio da sociedade e incomprensión.)

Hai medos anicados que dormen agochados no hórreo, no cuarto dos nenos co pecho por dentro. Medos que trousan a friaxe da noite toda. (Imposibilidade de conciliar o sono.)

Hai medos que restrinxen o perímetro de liberdade, o vermello dos beizos, o longo das saias, as agullas dos tacóns.( Control do movementos e da vestimenta.)

Hai medos espidos nos que a pel delata as mans invasoras dos homes. (Cicatrices.)

Hai medos mortos de medo que xibran cada vez que o teléfono pregunta onde estás?.( Obsesión, celos e control.)

Non hai cousa máis fácil que meter medo. Non ten mérito ningún. Ata eu pequena coma unha faba, insignificante coma un garavanzo, sei facelo. Ves o meu medo aquí agatuñándome pola gorxa para saír de min. Velo? Porque eu vexo o teu medo ao verme pronunciar o medo diante do mundo.



Nota da autora: Este carta recibiu o segundo premio no XVI CONCURSO DE CARTAS “DILLO A QUEN MALTRATA” 2019 que convoca o Concello de Lalin co gallo do Día Mundial contra a Violencia de Xénero que se celebra o 25 de novembro. O ano 2018 pechou cun total de 47 mulleres asasinadas e 39 orfos. Visibilizar este serio problema é unha obriga de todos e tamén dende a escrita debemos loitar por cambiar as cousas amosando o noso firme compromiso. A VIOLENCIA DE XÉNERO EXISTE. ESCRIBAMOS SOBRE ELA. DÉMOSLLE VOZ.

1 comentario:

  1. Increíble Ánxeles. Combatir o medo con medo. E tes razón á hora de dicir que hay que darlle visibilidade a este tema para tentar acabar con esta lacra.
    Merecido ese premio. Un pracer lerte coma sempre

    ResponderEliminar