lunes, 15 de octubre de 2018

O MEDO (Darío Novas)

Cedo de máis
o día está por vir
chían paxaros coas ás de sarrio
Riscas un boleto
na barra do bar de sempre
Votas un grolo sen présa
Non hai azucre no mundo
que quite este amargor

Saes a rúa
machigando pensamentos
Desafiuzar
é un infinitivo complexo
feito de fariña de entullo
e se o debullas
esfarélase entre as mans
o des-acougo
a des-esperanza
Non topas fío do que turrar
para ser de novo un home
porque hoxe
sénteste monicreque

Apuras o paso cara a ningures
O teu mundo non ten teito
Arrefríache o corpo por dentro
e premes as lapelas
nun xesto absurdo

U-la valentía?
U-lo valor?
cando se teñen os petos baldeiros
cheos de medo
e se matina
en que se cadra
nunca se terminan de pagar
os prazos dunha vida

3 comentarios:

  1. Guau!!! Se me empañaron los ojos. Muy bueno!!!
    Javier de la Iglesia

    ResponderEliminar
  2. Grazas as dous polas vosas palabras, dan moito ánimo.
    Entendo que a poesía ás veces tamén ten que ser compromiso coa realidade social.

    ResponderEliminar