lunes, 22 de julio de 2019

A LIBERDADE (Ángeles Madriñán)

Devezo por ser libre, por abandonar a curvatura sen fin da miña vida, esa órbita na que me movo irreductiblemente. Adiante sempre. Atrás sempre cando fago a conta.

Érgome sen a esperanza dun mañá diferente. Déitome coa rutina esgotadora de brazos en suspensión, executando movementos mecanizados de obreiro de cadea de montaxe, que adormece na rutina da súa supervivencia.

Mercáronme un paxariño para que me fixera compaña, por mitigar a soidade que me afoga con cada segundo. Dende a súa gaiola feituquiña, dá paseos curtos e volve prisioneiro cara ó refuxio. Agora xa somos dous neste cárcere de melodías acompasadas. Somos liñas paralelas destinadas a non atoparse en ningún punto.

Soño co reino onde os que son coma min íspense destas obrigas e abandónanse á imaxinación. Vestidos de maxia, derrétense no seu quefacer de mundos inexplorados, mudan en esculturas, sen importarlle o tempo que a min tanto me amola.

Nos escasos intres en que descanso, nos que o segundeiro me dá unha paz en minúscula, soño que vivo lonxe, que fuxo pola fiestra entreaberta do salón e cun piar miudiño de fuga morna saímos voando os dous reféns deste zulo-comedor camiño doutras terras. Alí chámanme horloge cunha dozura que me sabe a mel, bautízanme coa liberdade que ansío, L´horloge du vent, e sei que xa Dalí, Miró e outros soñaron antes ca min, pero os soños non son patrimonio de ninguén e entre todos soñamos o que nos dá a gana, porque para iso serve a liberdade. Non perdades o tempo, sede libres coma min alomenos cando soñades, e non esquezades deixar entreaberta a ventá do salón, por se hai algún reloxo preso ou algún home ou muller que soñe coa liberdade.

2 comentarios:

  1. Qué manera tan bucólica de hablar de la libertad, tan preciada cuando carecemos de ella. Me ha llevado a pensar en una mujer anciana o impedida pero que a la que nadie puede arrebatarle soñar con la libertad. Bonito recurso el del reloj del viento que evoca la parte onírica del tiempo (en mi opinión, claro).
    Un abrazo Ángeles.

    ResponderEliminar
  2. Que relato tan bonito. La reflexion de algo que se ansía con ese toque triste que lo hace aun más profundo. Pero tb con esa onírica esperanza que a todos nos da vida.
    Javier de la Iglesia

    ResponderEliminar