miércoles, 27 de enero de 2021

O NADAL (María del Carmen Nogueira Tallón)

 Pasado o trauma inicial do coronavirus, o encerro físico, a liberdade nas redes, o egoísmo duns poucos, a solidariedade de tantos e a incerteza de todos, cruzamos o verán e non demos recuperado a confianza nas nosas vidas.

Cando aínda o ánimo estaba fóra de combate, a nosa familia foi sorprendida por outra labazada vital: o noso fillo de trinta e tres anos e con tres cativos esperando polo seu liderado, é sorprendido por un mal privado: unha masa maligna localizada no mediastino, unha zona que vén sendo como un gran cruce de vías dunha cidade superpoboada e onde os órganos vitais buscan acubillo. Supoño que por iso as sesións de quimioterapia que necesita son dificilmente soportables.

O mes de decembro está a punto de deixarse caer. Haberá que poñer a árbore (deixamos o Belén para mellor ocasión) e teremos que ir pensando nos agasallos porque Papá Noel e os Reis Magos disque van vir de igual maneira: compraremos á carreira para non permanecer máis de quince minutos dentro dunha tenda ou por internet arriscándonos ás devolucións que tanto incomodan.

Non obstante, neste ano fatídico, a lotaría de Nadal estanos a sorprender (afeita como está a facer o que lle da a gana) e asegurou que esta vez perde a banca e gaña o cliente. Traeranos tres vacinas contra o bicho e un resultado esperanzador dun TAC. Non nos desanimemos porque este ano a ilusión vén en formato CIENCIA.

Feliz Navidad!!

Agata Triste

martes, 26 de enero de 2021

UN NADAL ATÍPICO ( Rosa María Rey Buján)

 Aquel ano na árbore do Nadal colgamos os debuxos de Fermín: unha estrela, un sol e unha lúa; e abelorios do seu parecer. O cativo axudábame cos canapés mentres eu remexía o consomé coa mirada perdida. Rememoraba tempos lonxanos: a sopa de unto e galiña da miña nai, os doces, as partidas de brisca na casa da avoa... ata que alguén ousaba matarlle o tres e anoxada mandábanos para a cama. Lembraba cando subiamos ao monte pertrechados con sacos e a machada coma os ananiños de Brancaneves, buscando o pino perfecto e recollendo musgo para o belén. Daquela, os abelorios eran “made in” casa, agora a decoración renóvase seguindo a portada do “Hola”. Despois chegaron as áreas comerciais, as longas xornadas nos festivos e as colas para mercar o último agasallo. Fóronse os avós, os pais e el deixounos sos. 

Ceamos diante da tele sentados en almofadas no chan. No seu sitio puxen unha vela. 

-Asemellamos xaponeses! - ría Fermín. 

Logo, tomamos a súa torta de chocolate favorita.

 -Mamá, que celebramos? 

- O nacemento do neno que trouxo a luz ao mundo. 

-Entón... cantamos? Vou polo equipo. 

Imitábamos “América” de Nino Bravo aferrados ao micro sen pilas do karaoke cando nos sorprendeu un tintineo. Volteei a mirada á campanilla vacilante na árbore. 

-Os anxos amosan a súa proximidade.- pensei e as bágoas brotaron. Abracei ao meu pequeno. Entón souben que a dor dilúese no tempo, pero o amor fica no corazón mentres permanezan os recordos.

 Pomba Mensaxeira

viernes, 22 de enero de 2021

ENTREVISTA COA GAÑADORA DO CONCURSO DE MICRORRELATOS A ESTRADA DAS LETRAS

 Adicamos esta entrada a gañadora do concurso de a estrada das letras de micorrelatos, Rosa Rey.

Pinchando o seguinte enlace podedes escoitar a entrevista da gañadora, realizada por Fran no programa A galería de Radio Estrada.

Agardamos que a escoitedes e a desfrutedes, e que apoiedes cos vosos parabéns tanto a autora gañadora coma a Radio Estrada, a radio da nosa vila.

https://go.ivoox.com/rf/64139147


martes, 5 de enero de 2021

GAÑADORES 1º CONCURSO DE MICRORRELATO DE NADAL DE A ESTRADA DAS LETRAS

 Por fin chegou o día!!

Achéganse os Reis Magos e con eles como avanzadilla temos aos gañadores do primeiro Concurso de Microrrelatos de A Estrada das Letras.

Ante todo agradecer a participación e a gran acollida deste noso primeiro concurso, sodes do mellorciño.

Tamén dicir que tódolos relatos serán publicados no blog nas vindeiras semanas, para que poidades desfrutar das grandes achegas que tivemos.


E sen máis anunciamos aos gañadores.

O primeiro premio é para o texto seudónimo Pomba mensaxeira: título Un Nadal Atípico. Autoría Rosa María Rey Buján.

segundo premio é para o texto seudónimo Agata Triste, título O Nadal. Autoría María del Carmen Nogueira Tallón.

Os noso parabéns ás gañadoras, os vosos textos serán os primeiros en ser publicados, ademais de poñernos en contacto directo con vós para darvos os agasallos pola vosa calidade de escrita.

Aos demais todo o noso agradecemento pola participación, non deixedes de estar atentos a cando publiquemos o voso texto, e agardamos vervos en futuros concursos.

Un saúdo e deica o próximo texto.