Mostrando entradas con la etiqueta Rosa María Rey Buján. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rosa María Rey Buján. Mostrar todas las entradas

martes, 26 de enero de 2021

UN NADAL ATÍPICO ( Rosa María Rey Buján)

 Aquel ano na árbore do Nadal colgamos os debuxos de Fermín: unha estrela, un sol e unha lúa; e abelorios do seu parecer. O cativo axudábame cos canapés mentres eu remexía o consomé coa mirada perdida. Rememoraba tempos lonxanos: a sopa de unto e galiña da miña nai, os doces, as partidas de brisca na casa da avoa... ata que alguén ousaba matarlle o tres e anoxada mandábanos para a cama. Lembraba cando subiamos ao monte pertrechados con sacos e a machada coma os ananiños de Brancaneves, buscando o pino perfecto e recollendo musgo para o belén. Daquela, os abelorios eran “made in” casa, agora a decoración renóvase seguindo a portada do “Hola”. Despois chegaron as áreas comerciais, as longas xornadas nos festivos e as colas para mercar o último agasallo. Fóronse os avós, os pais e el deixounos sos. 

Ceamos diante da tele sentados en almofadas no chan. No seu sitio puxen unha vela. 

-Asemellamos xaponeses! - ría Fermín. 

Logo, tomamos a súa torta de chocolate favorita.

 -Mamá, que celebramos? 

- O nacemento do neno que trouxo a luz ao mundo. 

-Entón... cantamos? Vou polo equipo. 

Imitábamos “América” de Nino Bravo aferrados ao micro sen pilas do karaoke cando nos sorprendeu un tintineo. Volteei a mirada á campanilla vacilante na árbore. 

-Os anxos amosan a súa proximidade.- pensei e as bágoas brotaron. Abracei ao meu pequeno. Entón souben que a dor dilúese no tempo, pero o amor fica no corazón mentres permanezan os recordos.

 Pomba Mensaxeira